26/02/25

ENTREVISTA LUPE BLANCO (6º primaria)

 O alumnado de 6º de primaria entrevistou a Lupe Blanco, coñecida regueifeira da Comarca de Bergantiños. Lupe tivo a xentileza de ser entrevistada polo alumnado de sexto na radio do noso cole antes de realizar o obradoiro  impartido ao resto do alumnado do centro na biblioteca.

Grazas a entrevista coñecimos máis segredos deste arte tradicional no que a improvisación, a retranca, a rapidez e axilidade mental son imprenscindibles.

Fixemos un repaso pola historia da Regueifa, das habilidades que debe ter un bo ou boa regueifeira e da súa traxectoria. 

No remate do podacst animouse a regueifar un pouco o que levantou o sorriso do alumnado.

Moitísimas grazas Lupe!! tanto pola entrevista como polo obradoiro!! Quedamos encantados e encantadas coa túa visita e esperamos volver a atoparnos contigo, se non é noutra actividade no cole, que sexa nalgunha festa regueifando!!!

     Acceso á galería de imaxes picando na de enriba ☝

6º de primaria di non ao acoso escolar!


 O alumnado de 6º de primaria estivo, durante varias semanas, traballando na creación das súas propias curtometraxes para loitar contra o acoso escolar.

O alumnado organizouse en pequenos equipos, realizando as tarefas de elaboración, corrección e reelaboración do guion; ensaio e actuación final na gravación da curta. Noraboa polo voso traballo!

Esperamos que vos guste!


ENTREVISTA Á ASOCIACIÓN CULTURAL RAIGAÑAS (ICÍA VARELA) 5º primaria.

O alumnado de 5º de primaria entrevistou no estudo de Radio Balea a Icía Varela, integrante da Asociación Cultural Raigañas. Icía Varela xunto co seu pai Xosé Manuel Varela é autora do libro ¨Cantareiras¨ da editorial Xerais no cal trata a traxectoria das sete mulleres homenaxeadas polo Día das Letras Galegas.

Icía contestou moi atenta e amable ás preguntas realizadas polo alumnado de quinto relacionadas con varios temas: o seu libro, a Asociación Raigañas, a súa traxectoria musical como pandereteira, a cultural tradicional musical galega...
Foi unha entrevista moi interesante que remata cunha copla que deixou aos nenos e nenas entusiasmados.

Posteriormente, na biblioteca do centro, fixo unha presentación de ¨Cantareiras¨. Desta vez coa presenza tamén do alumnado de sexto de primaria, que rematou coa sinatura e dedicatoria do libro e con outra peza musical acompañada por parte do alumnado.

Grazas Icía pola túa visita e por compartir estos momentos co alumnado do CEIP Milladoiro!!!!

             


                                       Acceso á galerá de imaxes picando na de enriba ☝

ENTREVISTA Á ASOCIACIÓN CULTURAL MALANTE (5º primaria)

 O alumnado de 5º de educación primaria entrevistou en Radio Balea a dúas integrantes da Asociación Cultural Malante. Tania (nai de Borja e Antía alumnado do centro) e Belén (tía de Anxo e Antía) tiveron a xentileza de responder ás preguntas realizadas polos nenos e nenas de quinto. 

Esta entrevista foi a primeira que se levou a cabo dentro do mes da Radio. A rolda de actividades comezou co podcast realizado co gallo do Día Mundial da Radio e continuou con esta interesante entrevista na cal Tania e Belén contaron en qué consisten as actividades que se dinamizan dende a Asociación Malante.

Explicáronnos tamén a relación que existe entre a riqueza cultural e popular galega no Concello de Malpica e o tecido asociativo relacionado coa música popular galega, herdanza non só das mediáticas pandereteiras de Mens, senón de todas as pandereteiras que houbo en cada parroquia, por non dicir case que en cada casa. 

As sete mulleres homenaxeadas este ano polo Día Das Letras Galegas dan visibilidade a unha forma de transmisión cultural a través da oralidade, onde antes, antigamente, todo se aprendía de de xeración en xeración a través da fala. 

Na entrevista faláronnos da técnica da pandeireta, das súas experiencias en actuacións e da cultura popular e musical galega.

Moitas grazas as dúas, foi un pracer poder compartir con vós esta entrevista.


                                      Acceso á galería de imaxes clicando na de enriba ☝

23/02/25

Campo a través (Cross) Carreira escolar intercomarcal zona Bergantiños.

 O pasado venres 21 de febreiro o alumnado de 2º, 3º, 4º e 5º de educación primaria desprazouse ao polígono de Bértoa en Carballo onde se celebrou a carreira de cross intercomarcal da zona de Bergantiños.

Esta carreira encádrase dentro do PVAD (Proxecto de vida activa e deportiva) na modalidade XOGADE sostida con fondos da XUNTA onde o centro participa por medio deste Plan Proxecta.

A carreira contaba cun total de 978 deportistas repartidos entre as distintas categorías (dende cadete feminino e masculino ata benxamín feminino e masculino).

Dende o CEIP Milladoiro, participamos coas categorías benxamín e alevín de ambos xéneros. O que se busca con esta iniciativa é que os nenos e nenas participen nun evento deportivo e experimenten a competición dende unha perspectiva lúdica, activa e participativa. 

A resposta foi moi boa e os nenos e nenas volveron contentos e orgullosos despois de ¨competir¨ contra outros nenos e nenas da comarca. Tratábase de participar con valores, pero tamén con espírito de esforzo e superación, e así foi. Un sobresaínte para todos e todas os que se animaron a correr. Parabéns!!

Destacamos ademáis a clasificación de varios alumnos e alumnas, mellorando a clasificación do ano pasado. En benxamín feminino Alexia quedou de 3ª e Manuela de 7ª o que lles permitiu clasificarse para a final provincial. En benxamín masculino, Anxo acadou o 5º posto. En Alevín feminino Antía quedou de campiona e Clara de 13ª e en alevín masculino, Martín Martelo de subcampión.

Moitas grazas as familias polo apoio e colaboración.

Comparto a clasificación da carreira por categorías da web da Federación Galega de Atletismo: 

CLASIFICACIÓN




Acceso á galería de imaxes picando na de abaixo 👇


NOTAS DE PRENSA:


11/02/25

DÍA MUNDIAL DA RADIO: MILLAINFORMA CAMBIO CLIMÁTICO

 O vindeiro xoves 13 de febreiro de 2025 será a conmemoración do Día Mundial da Radio. Para isto, o alumnado de 5º de Educación Primaria do CEIP Milladoiro quixo facer a súa especial contribución neste sinalado día elaborando un programa especial Millainforma.

A UNESCO fixou para este día especial a temática ¨Radio e cambio climático¨  e o alumnado coa colaboración  de Óscar P. o coordinador da Radio escolar preparou un informativo ambientado no 2075.

O programa conta con todas as partes e seccións dun gran informativo: un parte metereolóxico, noticias da nosa terra, noticias internacionais, entrevista...

O resultado final é un informativo futurista, orixinal e cunha mensaxe moi potente que escoitaredes ao final do podacst; merece a pena escoitalo,xa que o que buscan os nenos e nenas é facer reflexionar sobre a deriva que está tomando o cambio climático e as consecuencias que pode ter non só no futuro, senón xa no presente.

Un clima distinto, unha exposición de coches antigos, un invento que pode arranxar o quecemento global...animádevos a escoitalo e a deixar un comentario no blog sobre que vos pareceu este traballo.

Parabéns alumnado de 5º, fixéchedes un gran traballo!!!



Agradecemos tanto a Ponte nas Ondas  como a Rede Espora o seu convite para participar nesta conmemoración. Dende Radio Balea... parabéns pola iniciativa e moitas grazas!!

E aquí tedes o Millainforma 2075!!👇