26/11/18

Traballando os textos instrutivos


Ó longo das últimas dúas semanas o alumnado de 5º estivo a traballar arreo sobre os textos instrutivos na materia de Lingua Castelá. Este tipo de escrito dá as indicacións necesarias ao receptor/a para levar a cabo unha acción concreta, ensinándolle así a facer algo. Deben ser, polo tanto, textos moi clariños e concisos que se comprendan fácilmente.

Tras unhas cantas prácticas escritas na clase, decidimos comprobar se os textos instrutivos que fixemos eran realmente funcionais, así que optamos por trasladalos á realidade mediante a creación de videotitoriais. Traballamos en grupiños de aproximadamente 4 nenos/as, o que nos veu moi ben para practicar aspectos como a organización, a empatía, a paciencia, a toma de decisións, a responsabilidade grupal e individual e todo aquilo que abarca o traballo colaborativo.

Sen dúbida foi unha tarefa motivadora para nós, e os resultados foron moi satisfactorios (e máis tendo en conta o pouquiño tempo que tivemos para gravar e organizarnos). Así que, como estamos ben orgullosos e orgullosas das nosas creacións, querémolas compartir convosco neste pequeno espazo. A ver se hai algún/ha valente na sala que se atreva a probar os nosos videotitoriais! Xa nos contaredes! ;)



Tortilla francesa 5º A (videotitorial) from bemilladoiro on Vimeo.

Squishy 5º A (videotitorial) from bemilladoiro on Vimeo.

Chocolate quente 5º A (videotitorial) from bemilladoiro on Vimeo.

Torta 5º A (videotitorial) from bemilladoiro on Vimeo.

Floreiro 5º A (videotitorial) from bemilladoiro on Vimeo.

13/11/18

Santa Cruz: arte con crebas

Excursión a Santa Cruz from bemilladoiro on Vimeo.
Escolares de 5º e 6º acudiron ao Castelo de Santa Cruz, en Oleiros por visitar a exposición Pola beira do mar.
Nesta exposición, os colectivos Retoqueretro e Mar de Fábula mostran obras de arte nacidas do lixo que recollen nas praias, o que nos devolve o mar.

O caso é que no terceiro trimestre, a nosa proposta de traballo encol do mar será precisamente Mar-e-arte e gustábanos que viran exemplos, modelos, de como se pode tirar beleza do lixo e, de paso, coidar da beiramar.

 Como o tempo atmosférico non acompañou moito, despois foron visitar o Museo de Oleiros, que está moi pretiño do Castelo.

Seica o pasaron moi ben.

12/11/18

Excursión a Santa Cruz (06/11/2018)


Ola a todas e a todos! Aínda que un pouco tarde, aquí estamos 5º e 6º facendo acto de presencia no noso blogue de aula, agardamos que nos acompañedes neste pequeno espazo ao longo deste curso escolar 2018/19!

E que mellor maneira de comezar a nosa andaina que cunha das nosas cousas favoritas… as excursións! O pasado 6 de novembro fumos a Santa Cruz, no concello de Oleiros, para visitar o seu maxestuoso castelo, que está situado nada máis e nada menos que nunha illa, unha chulada! Por mor do tempo non puidemos desfrutar moito dos seus fermosos xardíns exteriores nin das vistas, pero si asistimos a unha xenial exposición de arte con crebas dentro do propio castelo, da que tomamos moitas ideas para traballar a final de curso con todos os refugallos que recollemos nas praias durante as primeiras semanas de cole. A verdade e que é incrible a cantidade de cousas que poden acabar no mar: toalliñas, bastonciños, tapóns, xoguetes, pezas das bateas, cubertos de plástico... moito dano facemos os seres humanos ao noso único fogar! Menos mal que somos unha xeración responsable que intentará mudar as cousas.

Unha vez visto o castelo, fomos a unha exposición moi interesante, onde tivemos a oportunidade de ver diferentes tipos de olería que hai no noso país, incluída Galiza, canta riqueza! Recoñecemos a de Buño sen pestanexar, e vimos pezas de olería realmente curiosas, incluso algunhas que servían de xoguetes!

Unha vez rematada a visita, subimos ao bus rumbo a Malpica para dar por rematada a xornada. Aquí tedes unhas cantas fotos coas que queremos compartir con vós todas as cousas interesantes que descubrimos:



Excursión a Santa Cruz from bemilladoiro on Vimeo.